Ribeira Sacra: Consorcio de Turismo.
Todo sobre o viño da Ribeira Sacra | Galego · Castellano · English

O Saviñao

Parque artístico e natural

ViñedosO Saviñao constitúe en si mesmo un auténtico museo arqueolóxico, ao mesmo tempo que unha terra de singular beleza natural. Dos seus máis de 10 dolmens resulta de especial interese o de Abuime, considerado un dos maiores de Galicia. Pola súa parte, dos máis de 27 castros repartidos pola súas terras cabe destacar os de Freán, Corbeixe e Vilatán.

Os numerosos cursos fluviais descenden dende alturas superiores aos 600m cara ao Miño conformando pequenas ribeiras montañosas ideais para a pesca. Os cotos existentes nos ríos Sardiñeira e Saviñao son especialmente recomendados para esta práctica pola excelente calidade das súas troitas.

Próxima ao Sardiñeira, a parroquia de Xuvencos acolle súa fermosa igrexa románica e a súa Torre, único resto dun castelo pertencente á familia dos Ulloa e derrubado durante as Guerras Irmandiñas. Sorte similar sufriu a Torre da Casa-forte da Candaira, na parroquia de Rebordaos. Próximas ás augas do Saviñao, encóntranse dúas xoias do románico galego: as igrexas de Seteventos e Marrube, ambas do século XII. A segunda conserva importantes pinturas góticas.

Terra de excelentes viños

No meandro que o Miño forma cerca de Escairón o viño é a forma de vida. A paisaxe de bancais tinxidos pola vide é particularmente atractivo nas ribeiras próximas a Diomondi. Alí existen varias bodegas dedicadas á elaboración dun dos Viños da Ribeira Sacra, o chamado da Ribeiras do Miño. As súas variedades principais de uva branca son o Godello e o Alvariño, mentres que entre as de tinto destacan a Mencía ou a Garnacha, entre outras.

Xa na Idade Media, os monxes dos mosteiros de Diomondi e do desaparecido de San Agustín, en A Cova, estaban dedicados á colleita dos excelentes caldos distas terras. Foi en boa parte grazas ao esmero monacal que o viño se converteu nun dos principais sectores da Galicia medieval e o seu comercio foi protagonista de excepción do tráfico fluvial entre os mosteiros e as poboacións ribeireñas. Na actualidade, cunha Denominación de Orixe recentemente creada, divisase un prometedor futuro para os cada día máis prestixiosos viños da zona.

Terra de mosteiros da Rivoyra Sacrata

Santo Estevo de Ribas de MiñoO antigo mosteiro de San Vitorio de Ribas de Miño, do que tan só se conserva a súa igrexa románica, aparece estreitamente ligado ao eremitorio e ao castro situados nas súas proximidades. Pola súa parte, o de Santo Estevo de Ribas de Miño, aínda amosa orgulloso a súa esplendorosa igrexa románica, cuxo pórtico e rosetón atribuíronse máis dunha vez ao propio Mestre Mateo, autor do Pórtico da Gloria da Catedral de Compostela.

Seguindo o curso do Miño cara Diomondi, encontramos o antigo Mosteiro de San Pelaio de Diomondi, que foi en tempos un dos máis relevantes da Rivoyra Sacrata. A súa primeira noticia data do ano 954 e foi consagrado ao xove mártir galego Pelaio, sobriño do Bispo de Tui. Tras a súa decapitación en Córdoba, os restos do rapaz foron conservados como reliquias, chegando a noticia do martirio ás letras da benedictina alemana Roswitha..

Volver