O Mosteiro

En Xunqueira de Espadanedo a 25 km. de Ourense pola estrada C-536 Ourense - A Rua encontramos este mosteiro fundado con anterioridade ao ano 1.150 pola Orde de San Agustín. En 1.170, cos monxes cistercenses pasa a depender do mosteiro de Montederramo e iniciase a construción da igrexa románica. Máis tarde construiríase a fachada principal barroca. O claustro e a agregación do cenobio son de 1.546. Xa no século XIX coa Desamortización pasa a propiedade municipal. Foi declarado monumento histórico-artístico en 1.981. Na actualidade o seu destino é administrativo aloxándose neste edificio as oficinas municipais, a biblioteca, o servizo de correos, o centro de saúde e as dependencias municipais.
Descrición

O primeiro que nos atopamos é cun patio común á igrexa e ao recinto do mosteiro. A fachada neoclásica do templo de estilo románico compostelá. Ó entrar na Igrexa unha enorme e antiga reixa de madeira dános paso á planta que consta de tres naves e tres ábsidas semicirculares. Destacan tamén as columnas e as pilas bautismais moi antigas. O altar da capela maior cuxo retablo maior foi realizado polo manierista ourensá Juan de Angés a finais do ano 1.594 cun óculo por onde entra gran parte da luz que ilumina a igrexa. Nos laterais da igrexa encontramos portas románicas con influencias oxivais. Xa no mosteiro, observamos o seu claustro que só conserva tres lados dos que se construíron no século XVI. O estilo é renacentista galego e destaca sobre todo en nas portas do primeiro piso que darían acceso ás dependencias do mosteiro. Xa no patio podemos ver, na á contigua á igrexa, dos reloxos de sol, un deles data do ano 1.661.
Esta aberto ó público tódolos días agás o luns de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 18:00h.
