O Viño de Amandi: nobre historia

As ladeiras da marxe dereita do Sil resultan especialmente aptas para o cultivo do viñedo por estar orientadas ao mediodía e recibir o suave clima da Ribeira Sacra con toda a forza do sol. Xa en época de celtas e romanos o Viño de Amandi era descrito nas crónicas como o ouro líquido do Sil. Durante os séculos de esplendor dos mosteiros da Rivoyra Sacrata, a dedicación dos monxes á elaboración diste viño levouno a ser unha das bases da economía medieval de Galicia e protagonista de excepción do intenso tráfico fluvial que navegaba estas espectaculares ribeiras do Sil.
Actualmente, as terras de Sober seguen sendo cuna dun dos máis valorados viños de Galicia. Cunha Denominación de Orixe da Ribeira Sacra creada nos últimos anos e cun prestixio en alza, a calidade distes magníficos caldos asegura un futuro prometedor para os Viños de Amandi. Estes teñen o seu día grande na Feira do viño de Amandi, celebrada o Domingo de Ramos. Asómesmo, merece a pena unha visita ás bodegas tradicionais da Casa Reitoral de Amandi.
Alfarería tradicional e industria do cobre O ‘Forno de Alfareiro’ de Gundivós é claro testemuña da relevancia dista parroquia como un dos centros máis representativos das tradicións alfareiras de Galicia. En parroquias como Canaval, Sober e a propia de Gundivós aínda hoxe continúan a súa labor algunhas empresas dedicadas á produción tradicional de tella e ladrillo, así como a súa admirada alfarería tradicional. Esta presenta unhas creacións do tipo de útiles como xerras, cuncas, potas, etc. de marcado gusto popular e orixinal deseño.
Tamén en Sober existe unha industria dedicada ao traballo do cobre. Nelas dáse forma a moitos dos alambiques e alquitaras onde se preparan os deliciosas cañas típicas dista comarca e que, en moitos casos, comparten co viño a prestixiosa uva de Amandi.
Arte sacro, paisaxe natural e romaría

Unha das mellores maneiras de achegarse á acolledora paisaxe do Canón do Sil é visitar as igrexas e capelas situadas no cumio das súas ladeiras, que constitúen excelentes miradores naturais dende os que disfrutar, xunto coa panorámica, de tradicionais romarías. Así, de oeste a este ofrécenos a súa arte sacra, a súa festa e a súa paisaxe os santuarios da Virxe de Cadeiras, o de Pinol, e os de San Pedro e Amandi, ambos na parroquia de Amandi.
A antiga cidade de Proentia
A parroquia de Proendos conserva numerosos vestixios dun fecundo pasado como núcleo urbano que, a partir do mesmo castro celta de Proendos, deu orixe á vella cidade de Proentia. Debido a súa proximidade ás fértiles terras de Amandi e as minas romanas do ouro do Sil, foi elevada á categoría de pequena capital comarcal polos romanos e máis tarde tamén polos suevos. Cabe destacar parte do muro que rodeaba a cidade que aínda segue en pé, así como os restos dalgunhas casas, especialmente algunhas de planta circular de gran diámetro.
Existen tamén en Proendos, entre os moitos localizados no municipio, ata tres conxuntos de petróglifos: os de Pena das Portelas, os de Coviñas dos Toxos e os de Xestal, así como un dolmen, a Medorra de Mer. Antes de deixar tan mítico emprazamento, merece a pena unha visita á románica igrexa de Proendos, que conserva un gran número das súas pinturas murais.
