Ubicación

Situado ó suroeste da provincia de Lugo, xusto no centro de Galicia, é Taboada unha entrada natural á Ribeira Sacra. Cunha poboación que supera os tres mil habitantes, distribuída en 27 parroquias e 146 Km2.
Economía
A gandería ocupa o primeiro lugar nas actividades económicas deste concello, situada na meseta ou superficie de aplanamento interior, con modernas explotacións dotadas das últimas tecnoloxías, que lle permiten unha produción de grande calidade e cantidade. Conta, igualmente con industrias lácteas —queixo da denominación Arzúa-Ulloa—, vinícolas —na denominación Ribeira Sacra—, metálicas, madeira...
A terceira unidade discorre arredor do río Miño, con plataformas escalonadas. Nas ribeiras do encoro de Belesar prodúcense distintas variedades de uvas, todas de grande estima, sendo a mencía a máis abundante. As augardentes multivarietais, dentro da denominación de Portomarín, conseguen unha alta calidade.
Arte

As súas paisaxes están decoradas cun grande número de igrexas románicas, levantadas arredor do século XII, moitas casas brasonadas que nos lembran o pasado moderno —da Casa dos Condes de Taboada, con solar en Bembibre, toma nome e escudo o concello a mediados do século XIX—, e temos ademais vestixios prerrománicos e tamén numerosos castros que dan fe da vida nesta terra hai máis de 2000 anos.
