Arte e tradición en conxunción coa natureza

Na desembocadura do río Mao atopamos diversas posibilidades para a práctica da escalada no seu encaixado Canón, así como unha área recreativa con praia fluvial. Alí está tamén situado un dos embarcadoiros dos catamaráns que ofertan diferentes programas e visitas guiadas polo Canón do Sil e gran parte da Ribeira Sacra.
Próximos á desembocadura do río Lumeares, encontramos a aldea do mesmo nome. Esta constitúe un conxunto artístico de grande interese etnográfico formado polos hórreos de Cobas, o cruceiro da Cruz, o peto de ánimas de Anxo da Garda e a ponte de Lumeares. No interior, son de interese o Muíño de Barbarota e os fornos tradicionais de Xirás e Montoedo.
Así mesmo, existen catro pazos, tres deles ribeireños, e axeitados miradoiros de fermosas paisaxes e poboacións do Sil. Son os de Abeleda, Lumeares, Cristosende e o de Pedrafita.
Por outra banda, non se pode deixar de apreciar a rica e típica gastronomía desta terra, de gran calidade na preparación de diferentes carnes, de reputados viños, de augardente e licorcafé, de castañas e da súa excelente e célebre bica.
Espectacular espazo natural na ribeira do Sil

A partir da Teixeira o río Sil deixa o encaixado val da súa parte máis oriental para vestir seu monumental Canón de verticais ladeiras. Alí a vide é cultivada en bancais que o home escavou dende antigo e os seus caldos mostran unhas calidades moi parecidas ás do Viño de Amandi. Os viños colectados en A Teixeira pertencen a unha das cinco subzonas dos Viños da Ribeira Sacra.
A Teixeira recibe o seu nome dos bosques de teixo autóctono, árbore sagrado para os celtas, que abunda en boa parte da Ribeira Sacra grazas á suavidade do clima oceánico-mediterráneo do seu val. Outras árbores como o castaño, o bidueiro ou os arbustos proliferan nestes bosques ribeireños, ao igual que lebres, gatos monteses, corzos, aguias, perdices vermellas ou xabarís. Algúns deles, non ameazados pola extinción, resultan aptos para a caza nos diferentes cotos da comarca. Pola súa parte, o río Baus, afluente do Sil, é coñecido polas súas excelentes calidades para a pesca da troita.
Espectaculares vistas

Merece a pena apreciar unha das paisaxes máis belas de toda la Ribeira Sacra seguindo a ruta que vai dende o val de Abeleda, pasando polo excelente mirador natural de Cristosende, ata o de Fontao. Ao sueste, as estribacións da Serra do Burgo ofrecen tamén a posibilidade de excelentes rutas de sendeirismo, ou en cumios situados en Caldelas ou Montederramo, descensos en parapente e rutas ecuestres.
