Terra de nobre historia

Como no caso de outras importantes vilas galegas, a historia de Castro Caldelas é nun primeiro momento a do seu castro celta e a da posterior fortificación superposta por encima da primixenia poboación. Sobre esta última levantase o magnífico Castelo de finais da Idade Media que se pode admirar hoxe. En torno a este último creceu a presente vila.
A época medieval foi de gran esplendor. Xa dende as primeiras noticias, ao redor do século XII, Caldelas foi unha terra reservada á propiedade de reis galegos, como Fernando II, Emperador de Galicia, León e Asturias. A partir do século XIV a vila é outorgada por Afonso XI á Casa de Lemos. Estes acometen importantes obras no castelo, ata que estas se dan por acabadas no ano 1560, segundo consta nunha lenda dos seus muros.
Presidindo do val, o castelo de Castro Caldelas foi testemuña de diferentes episodios históricos como as Guerras Irmandiñas, entre as que a tradición oral sitúa al propio Mariscal Pero Pardo de Cela, así como tamén do asentamento dunha importante colonia xudía, cuxas lápidas funerarias son hoxe apreciables no centro da vila.
Outro capítulo digno de mención é o incendio da vila ordenada en 1810 polo xeral napoleónico Loison ante as numerosas pérdoas infrinxidas ao seu exército polas bravas guerrillas galegas.
Terra de singulares tradicións

Algunhas cousas só ocorren en Caldelas. Este é o caso das súas festas, todas de enorme interese etnográfico, gastronómico e lúdico. As principais son a Festa dos Fachos, a Festa da Bica e a Festa da Luz. Na Festa dos Fachos os homes da vila acenden na noite do 19 de xaneiro grandes fachos de palla que portan en procesión ata o castelo. Unha vez alí volven á vila, onde fan con eles unha gran fogueira e bailan e cantan ao redor dela. O ritual non pode ser máis vistoso.
Caldelas é lugar de augardentes e licorcafé de gran fama, que soen ser acompañados por unha das bicas ou mantecados máis coñecidas de Galicia. Tamén a típica preparación de diversos pratos a base de vacún ou as castañas son parte dista tradicional gastronomía. Nos últimos anos realizouse un notable esforzo para a mellora e a potenciación dunha das razas de vaca de montaña, a vaca caldelá.
Ademais da propia vila, co seu castelo e o seu casco vello, son de recomendable visita as aldeas de Vilarellos, Susaos e O Burgo, por ser núcleos históricos de gran valor artístico.
A aventura de montaña

A desbordante beleza natural da Serra do Burgo ofrece, xunto coa realización de diversas rutas de sendeirismo, diferentes posibilidades para a práctica de parapente e da bicicleta de montaña. Ao nordeste, a chamada Ribeira Caldelá, de pronunciadas ladeiras e terreos pizarrosos, resulta de grande interese polo seu entorno natural e a súa paisaxe.
Na vila encontramos a casa natal do ilustre galeguista e polígrafo D. Vicente Risco. En San Paio de Abeleda, temos a oportunidade de visitar os restos de un dos máis florecentes mosteiros da Rivoyra Sacrata, o Mosteiro de Abeleda e o tradicional Muíño 'da Ponte', rehabilitado nun entorno natural de apreciable beleza. Non lonxe del, está tamén o Muíño de Alais.
No recorrido pola ribeira do Sil, son excelentes miradores naturais os de Pena de Matacas, en Paradelas, Pena do Xastre en Alais e Pena do Xabrego, en Santa Tegra. A oferta lúdica áchase completada pola existencia dunha área recreativa na marxe do río Edo na propia vila e de outra xa no Sil, ambas con praias fluviais. As augas do Edo resultan tamén ideais para a pesca da troita.
