Imprimir y PDF

Manuel Campo Vidal falaralle ás adegas da D.O. Ribeira Sacra da dixitalización das empresas no rural

18/01/2024

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle o luns, 22 de xaneiro, a partir das 17:00h. unha xornada informativa para dar a coñecer os servizos de Hispasat en canto a dotar de alta velocidade ao rural. O encontro celébrase co título “Unha oportunidade de conectividade de alta velocidade no rural”.  

“Trátase dun servizo sen custe de instalación a un prezo moi competitivo que pode axudar a moitas adegas a dar o salto á dixitalización. Unha solución de colectividade, por iso organizamos esta xornada”, asegura o Presidente da D.O.Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, que será o encargado de presentar ao conferenciante da xornada, Manuel Campo Vidal, que como director da Cátedra de Despoboamento e Reto Demográfico, ofrecerá a conferencia, “As oportunidades da dixitalización de empresas no mundo rural”.  

Iago Campo, Director de Celver Telecomunicacións ofrecerá  posteriormente unha charla de carácter práctico para coñecer  “A solución inmediata que aporta o satélite Hispasat”, proxectarase un vídeo sobre a aplicación e garantías de funcionamento. Dará conta de experiencias reais como a do concello de Toén en Ourense e adegas do Ribeiro. A xornada rematará con sesión de diálogo aberto.  

“Acompañaranos nesta xornada o xornalista, Manuel Campo Vidal persoa moi implicada no que se vén en chamar a España baleirada e implicada en atopar solucións para reverter este fenómeno”, convida Antonio Lombardía á participación das adegas.  

Manuel Campo Vidal é Licenciado en Xornalismo e Doutor en Economía Aplicada. Na actualidade é Director Xeral e Conselleiro Delegado da Produtora Lua Multimedia, Presidente da Escola de Negocios Next International Business School, onde dirixe o Master en Comunicación Avanzada e Marketing Dixital, Director do Instituto de Comunicación Empresarial e Director da Cátedra de Despoboamento e Reto Demográfico.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: